VIGO: taxistas terán que vixiar a entrada das mulleres nos portais

VIGO: taxistas terán que vixiar a entrada das mulleres nos portais


Resultado de imagen de taxi vigoOs votos do goberno de Vigo deron luz verde este mércores no Pleno á modificación definitiva da ordenanza do taxi. A nova norma obriga a permitir o pago con tarxeta, adopta medidas contra o intrusismo no sector e incorpora melloras como a obrigatoriedade ao taxista de agardar ata que as mulleres que o soliciten entren nos portais.

A concelleira de Mobilidade, Ángeles Marra, defendeu a modificación para adaptar a ordenanza ás novas circunstancias do sector e mellorar a mobilidade urbana. Marra detallou algunhas das novidades introducidas, entre as que destaca que pasa a ser obrigado para o taxista agardar e vixiar a entrada das mulleres nos portais aos que se dirixen, logo de baixar do vehículo.

Esta é unha nova actuación que adopta o goberno de Vigo para previr a violencia contra as mulleres no transporte público, para «previr e apoiar a seguridade» destas, anotou a concelleira. O Concello xa incorporara en febreiro as paradas do autobús urbano nas rutas nocturnas a demanda das mulleres, con independencia da localización da marquesiña e sempre que o paro solicitado estea dentro do percorrido da liña. Este servizo do autobús é requerido por unhas 70 mulleres ao mes, segundo datos ofrecidos este mércores por Ángeles Marra.

A modificación da ordenanza recolle outras novidades, como a obrigatoriedade de contar cun TPV en todos os taxis para o pago con tarxeta, que nun futuro permita ademais empregar a tarxeta cidadá PassVigo como medio de abono da carreira. Tamén adopta medidas para os cans guía e de acompañamento e contra o intrusismo no sector, como é a obrigación de contar coa bandeira de Vigo nos capós dos coches. A norma igualmente regula unha mellora do aspecto xeral do taxista e do propio vehículo e das condicións para a inserción da publicidade no exterior do taxi.

Debate
Coa súa abstención, Marea e PP non apoiaron a modificación da normativa. Ambas formacións incidiron en que existe un exceso de algo máis de 200 licenzas do taxi en Vigo, cuestión que é o «principal problema» do sector e que, afirmaron, non aborda a modificación da ordenanza. Pola contra, a concelleira de Mobilidade aclarou que a eventual redución de permisos si está contemplada e regulada co novo texto.

CATEGORÍAS
Comparte