A Xunta porá en marcha un plan de conciliación e corresponsabilidade e buscará o máximo consenso para aprobalo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na Cámara galega onde informou das principais liñas de actuación da Vicepresidencia nesta lexislatura 2016-2020

O titular da Vicepresidencia indicou que o Goberno galego impulsará unha nova Lei de Administración Local de Galicia, en colaboración coa Fegamp, para contar cun novo sistema de financiamento autonómico e local

No eido da Xustiza, nesta lexislatura culminarán tres proxectos co remate das obras das infraestruturas xudiciais na Coruña, Pontevedra e Vigo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na Cámara galega onde informou das principais liñas de actuación da Vicepresidencia nesta lexislatura 2016-2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda anunciou hoxe no Parlamento que nesta lexislatura o goberno galego porá en marcha un Plan de Conciliación e Corresponsabilidade buscando o máximo consenso para aprobalo, tanto entre as familias galegas como entre os grupos parlamentarios.

Alfonso Rueda compareceu hoxe na Cámara galega onde informou das principais liñas de actuación da Vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nesta lexislatura 2016-2020, detallando os principais obxectivos a acadar nestes catro anos, e que xiran en torno a dous eixes principais, que son dotar aos servizos públicos dos mellores recursos e marcos normativos para atender as necesidades da cidadanía e acadar unha administración máis accesible, dixital e transparente ao mesmo tempo que eficiente e respectuosa cos recursos que xestiona.

Rueda relatou que entre as prioridades do Goberno galego están a Igualdade e a loita contra a violencia de xénero, e seguindo coa folla de ruta establecida e unha vez concluído o VI Plan para a igualdade entre mulleres e homes, con máis de 300 actuacións e que contou cun investimento de 220 millóns de euros, nas vindeiras semanas presentarase o VII Plan, con actuacións programadas ata o 2020.

Tamén en próximas datas o Goberno galego presentará o Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte á violencia de xénero, que proporcionará as pautas para a coordinación e colaboración entre os axentes implicados na prevención e protección da violencia de xénero en Galicia. Ademais de planificar e coordinar, manterase o apoio directo ás vítimas e as persoas que delas dependen mediante as axudas económicas, que este mesmo ano foron incrementadas en máis dun 61 por cento, coa dispoñibilidade de asistencia psicolóxica gratuíta, que tamén se incrementou o orzamento nun 23 por cento e promovendo a inserción laboral das vítimas mediante programas específicos. Ao tempo que se melloran os recursos aos que poden acceder nos servizos de proximidade, como son seguir promovendo a constitución de mesas locais de coordinación, apoiando a rede de CIM e sostendo o funcionamento das casas de acollida.

CATEGORÍAS
Comparte